Pontevedra, preparada para saborear Galicia a través dos mellores produtos gourmet
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/41a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59f833c187-20171030-patxot-etiqueta-negra-160.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/196/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59f833c5c7-20171030-patxot-etiqueta-negra-250.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9af/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59f833be75-20171030-patxot-etiqueta-negra-110.jpg)
© Mónica Patxot
Máis dun cento de expositores amosarán ata o luns 12 de novembro os produtos gourmet máis singulares, que destacan todos eles pola súa singularidade e alta calidade. É a oferta da terceira edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego e a innovación inspiradora, que se celebra no Recinto Feiral de Pontevedra.
Abrirá este sábado, a partir das once de mañá, cun maior espazo feiral e un amplo programa de actividades, que abrangue showcookings, degustacións, maridaxes e catas para poder saborear Galicia a través destes produtos de gran excelencia.
As actividades da primeira xornada comenzarán ás 13.00 horas co showcooking de Benigno Campos, o televisivo cociñeiro do programa Larpeiros, que divulgará as excelencias da gastronomía popular galega elaborando unha receita a base de fabas de Lourenzá con polbo.
Ketty Fresneda, finalista do programa MasterChef 6, estará ás 17.00 horas poñendo o seu toque tropical á faceira de tenreira galega, e unha hora despois, Pepe Solla fará unha viaxe polos pratos que compoñen o menú degustación deste ano do seu restaurante Casa Solla.
Rómulo Mendoza, un dos expoñentes da alta cocina mexicana, ofrecerá ás 20.00 horas unha demostración que leva por título Sabores e cores de México, na que o chile verde -produto estrela da gastronomía tradicional azteca- fusionarase con produtos do gourmet galego.
O chef tamén impartirá o taller Enchilando a Galicia. Enchiladas de mariscos para 24 persoas que se desenvolverá ás 17.00 horas no Espazo Etiqueta. O público participante aprenderá a preparar, e degustará, unha exquisita salsa para a elaboración das tradicionais enchiladas mexicanas con produtos galegos frescos, tales como gambas e polbo.
Pola súa banda, ás 10.00 horas haberá un curso de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada impartido por David Rodríguez, enxeñeiro agrónomo de Galeo, unha das empresas expositoras. E ás 14.15 horas o cociñeiro Alejandro Méndez Lázare da Arrocería Os Cachivaches porá en valor os queixos de Casa Zolle nas súas elaboracións con arroz.
O lanzamento en exclusiva das conservas gourmet El Abuelo Lelo, un proxecto froito do soño de dúas persoas ligadas ao mar e aos seus produtos, será ás 18.30 horas. Nace coa intención de achegar ao consumidor un produto artesanal e de calidade superior.
A Tetería da Deputación Pontevedra acollerá ás 18.00 horas unha das cinco sesións que desenvolverán sobre o té galego ao longo dos tres días da feira. Estas sesións terán como eixo central o té producido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e degustarase, ademais do té, un dos produtos producidos con té especificamente para esta ocasión.
Etiqueta Negra tamén contará cunha ampla e continua programación na zona de catas que desde as 11.30 horas, e en quendas de 30 minutos, contará coa presenza de numerosos produtores. Tamén haberá catas de viños e licores no espazo dedicado a estas bebidas.