Moraña ensancha a pista do Outeiro, en Amil, con cargo ao Plan Concellos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña está a impulsar un amplo proxecto de ensanchamento e mellora viaria no Outeiro, na parroquia de Amil, que potenciará a mobilidade da pista que se dirixe cara a zona da Torre cun investimento de 126.500 euros.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, informou que neste momento se están a levar a cabo os trámites administrativos para proceder á súa contratación con cargo ao Plan Concellos da Deputación.
Esta mellora pretende corrixir o perfil das curvas, o estado do firme, a deficiente sinalización e a drenaxe desta estrada cuns traballos que se centrarán no desmonte do noiro da marxe dereita e o aproveitamento dunha franxa lateral de terreo para incrementar os 4 metros de anchura cos que conta actualmente a vía. Deste xeito, pretende dárselle unha dimensión constante a toda a calzada e favorecer a circulación simultánea nunha pista bastante utilizada pola veciñanza.
Tras acometer a excavación, procederase ao fresado do 25% da plataforma existente e á dotación dunha base de zahorra e grava para posteriormente renovar o firme cunha mistura bituminosa en quente de 5 centímetros de groso. Así mesmo, vaise mellorar a sinalización, o balizamento e os sistemas de drenaxe.
A obra ten un prazo de execución de tres meses dende a sinatura da acta de replanteo e beneficiarase dunha garantía dun ano dende o seu remate.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba novos investimentos en Vilagarcía e A Lama
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña cre que se debe ser "comprensivo" unhas semanas co Sergas pola falla de pediatras
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña humanizará a praza da igrexa de Cosoirado
Por Redacción |
-
Moraña pecha o seu plan de infraestruturas e obras en 2,74 millóns
Por Oskar Viéitez |