A alcaldesa de Moraña cre que se debe ser "comprensivo" unhas semanas co Sergas pola falla de pediatras
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, informou este mércores que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmoulle e deulle garantías de que a praza de Pediatría do centro de saúde do municipio, que se comparte con Cuntis, vaise manter no cadro de persoal "e en ningún caso vai ser nin amortizada nin suprimida".
Piñeiro quixo tranquilizar aos veciños "xa que está avalado o futuro do servizo de Atención Pediátrica tal e como se presta ata a data" e explicou que "simplemente nos estamos vendo afectados polo recente concurso de traslados e a falla de profesionais", e insistiu en que os usuarios poden estar tranquilos "porque do contrario eu mesmo sería a primeira, como nai e alcaldesa, en adoptar medidas de presión".
En calquera caso, e tras as explicacións recibidas e a garantía do servizo, Piñeiro cre que debe ser "comprensiva, prudente e paciente, xa que non se lle escapa a ningúen que non hai pediatras e a administración está traballando todo o que pode para darnos unha rápida solución".
RECOLLIDA DE SINATURAS
Mentras tanto o BNG comezou este martes unha recollida de sinaturas entre a veciñanza de Moraña demandando á Consellería de Sanidade un servizo de pediatría de calidade no concello tras o incumprimento da promesa do Sergas de só relevar este servizo "imprescindible e básico" durante 15 días e trasladalo ao concello de Caldas de Reis.
Esta iniciativa está tendo gran acollida entre a veciñanza pois "en menos de 24 horas foron máis de 200 os que xa asinaron, o que nos amosa ata que punto hai preocupación en Moraña a respecto deste problema", resalta Marcos Suárez, voceiro municipal do BNG.
Durante as vindeiras semanas, os usuarios do servizo de Pediatría de Moraña van ter que seguir acudindo ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas de Reis, tal e como sucede nos dous meses centrais de verán e como se estableceu na última quincena tras quedar vacante a praza morañesa no concurso de traslados convocado pola administración galega.
No caso dos cativos maiores de tres anos, serán atendidos por doutores de medicina xeral do centro de saúde de Moraña cando se trate dunha enfermidade común para evitar desprazamentos.
Relacionadas:
-
Cuntis e Moraña volven ter pediatra dous meses despois
Por Redacción |
-
Os colectivos sociais de Barro demandan o mantemento do servizo de Pediatría no municipio
Por Redacción |
-
O Sergas ve "prioritario" dotar de pediatra a Cuntis e Moraña pero recoñece que "non é fácil"
Por Redacción |
-
Segue sen estar cuberto o posto de Pediatría do centro de saúde de Cuntis
Por Redacción |
-
Moraña ensancha a pista do Outeiro, en Amil, con cargo ao Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis convoca concentracións para reclamar a reposición do servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa o servizo de pediatría na Lama e aumentan as horas de atención en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os socialistas, preocupados pola supresión de pediatría no centro de saúde de Carballedo
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas fai cambios na cobertura pediátrica de Ponte Caldelas, A Lama e Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama e Cerdedo-Cotobade únense a Ponte Caldelas na demanda de pediatras e médicos de familia
Por Redacción |