Marín proxecta tres obras no rural para o mes de novembro por valor de 140.000 euros
Por Redacción
O Concello de Marín afronta durante este final do mes de outubro e en novembro o acondicionamento de tres camiños importantes para a actividade en parroquias do rural da vila.
Durante estes días execútanse os traballos de mellora do camino na parroquia de Santomé de Piñeiro, entre Chan de Piñeiro e Candóns. Acondicionarase o viario, que se atopaba en mal estado atendendo ao que establece o Programa Marco da Consellería de Medio Rural. O orzamento supera os 49.000 euros e a obra corre a cargo de COVSA.
A segunda obra prevista será no Camiño de Raposeiras, adxudicada a Construcciones Fechi. A idea do goberno local é que comece durante a próxima semana. As conducións de auga xa foron instaladas para proceder agora ao acondicionamento e asfaltado. O orzamento ascende a máis de 54.100 euros e o traballo inclúese coas subvencións da Xunta de Galicia a través do departamento de Vicepresidencia.
A última actuación anunciada polo goberno local será na parroquia de Seixo, onde se acondicionará o viario en San Blas. A proposta busca mellorar a conexión do viario de praias coa PO-551 e conta cun orzamento de máis de 41.700 euros. A empresa COVSA afrontará estes traballos dentro dos investimentos do Plan Concellos, que promove a Deputación de Pontevedra.