Marín, a un paso de ter "débeda cero"
Por Redacción
O Concello de Marín reducirá a cero a súa débeda en próximas semanas. Así o anunciou o goberno municipal, unha vez finalizados todos os traballos técnicos e contables para a elaboración da Conta Xeral correspondente ao ano 2017.
O goberno destaca que no último exercicio o orzamento pechou finalmente en algo máis de quince millóns de euros, 15.361.622 euros, cun superávit que alcanzou a cantidade de 850.174 euros.
En canto ao remanente de tesourería para gastos xerais, Marín roza os cinco millóns de euros, tras incrementalo durante 2017 en máis de 700.000 euros.
Ese diñeiro permitirá, como se aprobou no pleno, amortizar toda a débeda financeira do Concello que ascendía a preto dun millón de euros, unha medida que se fará efectiva en próximas datas.
A valoración que realizan desde o Concello acerca desta xestión é "moi positiva", xa que entenden que os datos demostran a "boa saúde económica" do Concello.