Concentracións na Lama na "histórica" primeira xornada de folga xeral nos cárceres españois
Por Redacción
A folga xeral convocada para este mércores en todos os cárceres españois, a primeira do sistema penal estatal, resultou un "éxito" para os sindicatos, que cifran nun 85% o seguimento dos traballadores. Este balance positivo, de todos os xeitos, contrasta coa valoración que se realiza desde a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, pois aseguran que os centros funcionaron con "normalidade" e que o seguimento medio situouse no 50,43%.
O centro penal da Lama sumouse á convocatoria tanto cun seguimento masivo dos funcionarios como con concentracións dos traballadores ás portas das instalacións e con cortes de tráfico no acceso ao centro. No caso deste centro e do Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo, os sindicatos indican que o seguimento foi do 82%.
Desde o Ministerio do Interior aseguraron que os centros penitenciarios e centros de inserción social dependentes da Administración do Estado funcionaron "con normalidade" e que se incorporaron ao traballo a totalidade dos servizos mínimos decretados. Segundo as cifras facilitadas, nos establecementos penitenciarios galegos a media de seguimento foi do 42.22 por cento, aínda que non se achegaron dates por centros.
Os sindicatos consideran que a xornada foi histórica nas tres quendas de noite, mañá e tarde, a pesar de que manteñen que Institucións Penitenciarias fixou uns servizos mínimos "abusivos". Así, indican que a folga paralizou a actividade habitual dos centros e alterou o réxime de comunicacións dos internos co exterior (cara a cara ou visitas) e as actividades socio-culturais, deportivas e formativas.
Desde ACAIP, CSIF, CCOO, UXT e CIG critican que desde Institucións Penitenciarias tentouse boicotear a protesta, obrigando a traballar a funcionarios en prácticas, un colectivo que, segundo a normativa, unicamente pode exercer o seu labor acompañado en todo momento por persoal con praza fixa.
ACAIP, CSIF, CCOO, UXT e CIG anuncian que continuarán coas mobilizacións e os paros previstos ata que o Goberno poña fin a esta falta de respecto e sente a negociar dunha vez por todas cos sindicatos retomando a proposta económica que puxo encima da mesa e que posteriormente retirou. Están convocadas outras cinco xornadas de folga este venres 26 de outubro e os días 6, 8, 13 e 15 de novembro.
Relacionadas:
-
Un total de 28 funcionarios da Lama póñense enfermos ao mesmo tempo
Por Natalia Puga |
-
Medio milleiro de funcionarios de prisións de toda Galicia maniféstanse en Pontevedra en demanda de melloras laborais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Funcionarios da Lama salvan a vida a dous internos nunha semana
Por Redacción |
-
O cárcere da Lama súmase á primeira folga xeral na historia de Prisións
Por Redacción |