Funcionarios da Lama salvan a vida a dous internos nunha semana
Por Redacción
Os funcionarios do centro penal da Lama senten que o Ministerio do Interior, do que dependen, non valora nin recoñece de forma debida o seu traballo e, como exemplo, este luns deron a coñecer que no que vai de mes realizaron tres intervencións destacadas que non se deron a coñecer á sociedade como si ocorre con accións doutra natureza doutros colectivos como as forzas de seguridade do Estado.
En dúas desas actuacións lograron salvar a vida a dous internos que pretendían autolesionarse.
Estas intervencións difundíronas as organizacións sindicais con representación no centro penal da Lama (Acaip, CCOO, ATP, CIG, CSIF e UXT) no medio do conflito colectivo que manteñen os funcionarios dos centros penitenciarios de toda España coa Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias.
Un dos acontecementos produciuse o 6 de novembro. Os funcionarios descubriron que un dos internos do módulo de illamento decidira suicidarse utilizando a saba da súa cela. A rápida intervención dos traballadores de servizo logrou que fose trasladado ao departamento de enfermería en situación de semi-inconsciencia, pero logrando salvar a súa vida.
Os sindicatos lembran neste sentido a escaseza de psicólogos e a inexistencia de psiquiatras no centro (só hai un externo ao centro e traballa no mesmo unhas horas ao mes). Na súa opinión, esa falta de persoal podería estar detrás desta acción suicida.
Dous días despois, o 8 de novembro, produciuse a segunda acción destacada. Un interno sufrira unha sobredose motivada pola mestura de varios tipos de medicación. A rápida intervención de funcionarios e os servizos médicos propios do centro lograron estabilizar ao interno nun primeiro momento ata que chegou a ambulancia do 061 para trasladarlle ao Hospital Provincial.
Do mesmo xeito que ocorreu no caso anterior, os sindicatos apuntan á falta de persoal, neste caso nos servizos médicos, pois teñen que repartir medicación diaria para varios días a internos con graves problemas de adicións e de saúde mental, o que se traduce en problemas de convivencia, pacientes mal tratados e nalgúns casos como este en sobredose.
Ademais, os sindicatos refiren outro incidente rexistrado o día 6 de novembro que puxo en evidencia a necesidade de actualizar o catálogo de postos de traballo. Tiveron que atender a un interno de illamento axitado por problemas de convivencia. Tratábase dun home duns 30 anos de idade e cun peso duns 120 quilos ao que tiveron que reducir, tarefa complicada para un persoal de vixilancia do que destacan que é escaso e atópase envellecido pola falta de Oferta de emprego (a media de idade do persoal sitúase nos 51 anos e a falta de persoal na área de vixilancia rolda os 50 efectivos).
Os representantes sindicais consideran que estes feitos son un claro exemplo da problemática existente nos centros Penitenciarias: escaseza de persoal, envellecemento de persoais e enfermidade mental dos internos aos que a Secretaría Xeral e o Ministerio do Interior non dan solución.
No medio do conflito colectivo que manteñen coa Secretaría Xeral, os funcionarios levan xa dúas xornadas de folga en toda España na que aseguran que houbo unha participación que rolda o 90%. Ademais, hai convocadas novas xornadas de paro xeral para os días 17, 18, 19 e 20 de novembro e en Pontevedra hai convocada unha manifestación para ese último día, 20, polas rúas do centro.
Relacionadas:
-
Un preso acaba no hospital e cinco máis illados tras unha pelexa entre varios internos da Lama
Por Natalia Puga |
-
Un total de 28 funcionarios da Lama póñense enfermos ao mesmo tempo
Por Natalia Puga |
-
Medio milleiro de funcionarios de prisións de toda Galicia maniféstanse en Pontevedra en demanda de melloras laborais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Concentracións na Lama na "histórica" primeira xornada de folga xeral nos cárceres españois
Por Redacción |
-
O cárcere da Lama súmase á primeira folga xeral na historia de Prisións
Por Redacción |