Corte dun carril na estrada PO-551 en Bueu a partir do luns para reparar a canalización do río Loureiro
Por Redacción
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezará este luns 15 as obras para reparar a canalización do río Loureiro. Os traballos desenvolveranse na PO-551, no municipio de Bueu. Será necesario cortar un carril e permitirase o tráfico alternativo polo outro.
Desde a Xunta de Galicia anuncian que tamén se restrinxirá o aparcadoiro nas marxes da estrada. As obras acométense este mes porque é o momento no que se rexistra un menor curso de auga neste río e circulan menos vehículos por este tramo da carrretera.
Os traballos serán realizados por Construcións Taboada e Ramos S.L. por un importe de máis de 48.000 euros e executaranse durante o prazo dun mes. Está previsto que se elimine a beirarrúa, que se reconstrúa a canalización do río augas arriba do pozo de rexistro e a drenaxe a través dunha tubaxe.
Os traballos finalizarán coa reposición da calzada e das beirarrúas.