A Xunta repara a canalización do río Loureiro na estrada PO-551
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este martes, en compañía do alcalde de Bueu, Félix Juncal, as obras que acaba de por en marcha a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co fin de reparar a canalización do río Loureiro, na estrada PO-551.
Estes traballos puxéronse en marcha tras facer os técnicos da consellería un seguimento dende o pasado mes de xuño a este tramo da estrada, comprobando que se está a producir un leve afundimento de tres centímetros dende aquela data.
As análises detectaron que se están a producir infiltracións por fóra do entubado e a taxea da canalización do río Loureiro e que son as responsables deste afundimento.
A actuación que xa está en marcha lévase a cabo á entrada de Petís, e consisten na demolición da beirarrúa, reconstrución da canalización do río augas arriba do pozo de rexistro e da obra de drenaxe mediante a colocación dunha tubaxe e a reposición do firme e dos servizos afectados.
Durante o mércores se comprobará o nivel de afectación da taxea a través da instalación dunha cámara. Cos resultados tomarase a decisión de executar ou non unha actuación maior que suporá actuar xa nos dous carrís da estrada.
As obras actuais poden obrigar nos próximos días ao corte dun carril, con tráfico alternativo polo outro, así como á restrición do aparcadoiro nas marxes da estrada.
Os traballos que xa están en marcha programáronse neste mes porque é o momento no que se rexistra un menor curso de auga e a estrada conta con menos tráfico, o que suporá unha diminución das afeccións.
A obra, que foi adxudicada a Construcciones Taboada y Ramos S.L por un importe de máis de 48.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes aproximadamente.