Adxudicada a reforma integral da zona deportiva do parque do Espiñeiro
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo adxudicou a reforma integral do parque do Espiñeiro en Portonovo, por un valor de 186.519 euros. Do orzamento total, unha parte será financiada a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a parte restante irá con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de forma bianual.
A actuación centrarase nas pistas de fútbol e baloncesto do parque que carecen de calquera tipo de cerramento ou de delimitación, polo que resultan perigosas para o resto de usuarios e transeúntes. Ademais, tamén hai un pequeno conxunto de elementos de ximnasia que debido á súa antigüidade resultan pouco atractivos e carecen practicamente de uso.
O obxectivo desta actuación é acondicionar unha gran zona deportiva, pasando dos 950 metros cadrados de ocupación a un espazo habilitado de 1.500. Así, construiranse tres pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.
Á superficie de campo de fútbol existente dotarase de céspede artificial verde e marcaxe con liñas en céspede branco de 5 centímetros de ancho. O resto da soleira no perímetro do campo de fútbol pintarase en cor vermella. Ademais, instalarase un cerramento adaptado ás dimensións da pista, cunha altura nos laterais de un metro e nas cabeceiras de tres metros. Colocaranse tamén dúas porterías novas de fútbol sala de aceiro galvanizado.
Para o resto da zona deportiva adaptarase a soleira existente na cancha de baloncesto, ampliando a superficie nuns 596 metros cadrados.
Ademais instalaranse dúas pistas polideportivas: unha de 14x24 metros, con céspede artificial antiestático e outra de 10x20 metros con soleira pintada de cor azul.
A zona de exercicio ao aire libre estará composta por dúas estacións de vitalidade: unha de forza e outra de resistencia e tres módulos de street workout.
Para poder acometer esta actuación foi necesario obter as autorizacións sectoriais do servizo provincial de Costas de Pontevedra, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e de Augas de Galicia.