O Espiñeiro terá tres pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre
Por Redacción
As obras de reforma da zona deportiva do parque do Espiñeiro, en Portonovo, comezaron este martes, segundo informou o goberno municipal de Sanxenxo.
Esta actuación, valorada en 186.519 euros, iniciouse co reformulo da obra, consistente en trazar e marcar sobre o terreo todos os elementos da obra que se describen no proxecto e nos planos.
A actuación centrarase na zona deportiva do parque, que pasará a ocupar un espazo de 1.500 metros cadrados. Nel, construiranse tres pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.
Á superficie de campo de fútbol existente dotarana de céspede artificial verde e marcaxe con liñas en céspede branco de cinco centímetros de ancho. O resto da soleira no perímetro do campo de fútbol pintarase en cor vermella.
Ademais, instalarase un peche adaptado ás dimensións da pista, cunha altura nos laterais dun metro e nas cabeceiras de tres metros e colocaranse tamén dúas porterías novas de fútbol-sala de aceiro galvanizado.
Para o resto da zona deportiva, adaptarase a soleira existente na cancha de baloncesto, ampliando a súa superficie ata os 596 metros cadrados. A área demolida acondicionarase posteriormente con pradería de céspede.
Nesta superficie instalaranse dúas pistas polideportivas: unha de 14x24 metros, con céspede artificial antiestático e outra de 10x20 metros con soleira pintada de cor azul.
A zona de exercicio ao aire libre estará composta por dúas estacións de vitalidade: unha de forza e outra de resistencia e tres módulos de street workout.