A Festa do Marisco do Grove súmase ás campañas antiacoso
Por Redacción
As campañas 'Lembra, eu decido, ti respectas' e 'Conta comigo. Eu respéctote' da Deputación Provincial de Pontevedra chegarán este ano á Festa do Marisco do Grove, que se celebrará desde este xoves ata o vindeiro 14 de outubro.
Segundo informou a Deputación, o servizo de Igualdade da institución está a colaborar co Concello do Grove para poñer á súa disposición o material das dúas campañas para difundilo na oficina de información turística e nos postos de venda de tíckets e produtos da Festa do Marisco.
A institución provincial achegará ao evento guías e adhesivos cos lemas das campañas, que naceron ao abeiro dos #RíasBaixasFests. Este material pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación e, de feito, xa chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín e Vilaboa este verán.
Esta iniciativa púxose en marcha co obxectivo de concienciar en materia de igualdade aos asistentes dos festivais da Deputación. 'Lembra, eu decido, ti respectas' reparte material explicativo no que se mostra con claridade os límites nas relacións e danse a coñecer este tipo de agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. 'Conta comigo. Eu respéctote' pretende que os mozos varóns amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.
Estas campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra atenderon a máis de 8.000 persoas durante os #RíasBaixasFests.