Os arquitectos reflexionarán na Illa de Ons sobre a destrución do hábitat
Por Oskar Viéitez
A Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará cunha excursión o próximo luns 1 de outubro o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema "Arquitectura ... para un mundo mellor", de acordo á convocatoria anual que coincide co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas.
É unha data para chamar a atención de profesionais e público en xeral sobre cuestións relativas á mellora nas cidades e a vivenda.
Os arquitectos poden axudar a reverter os patróns que destrúen o patrimonio, degradar o hábitat, desperdiciar recursos e perpetuar os desequilibrios sociais. E a través do deseño pódese axudar a deter a destrución de paisaxes naturais e valiosas terras agrícolas.
Os arquitectos pontevedreses visitarán neste día sinalado a Illa de Ons. Un entorno que lles permitirá reflexionar sobre as regras de convivencia entre as diferentes intervencións do home no tempo, as novas construcións, e os valores ambientais, patrimoniais e históricos, así como reflexionar sobre o futuro destas áreas, o seu uso, protección e conservación.
Para acadar este obxectivo, a delegación convida a todos os arquitectos colexiados, familias e todas aquelas persoas ou colectivos que queiran participar, a achegarse o luns ao peirao de Bueu para coller un barco que levará ao grupo a facer unha visita guiada polo arqueólogo Francisco Alonso Toucido, visitando a contorna do faro, a recente actuación no camping –obra dos arquitectos Juan Zaballa e Daniel Guisande, merecedora do Premio Galego de Arquitectura á Sostibilidade 2016–, e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol.
Contarase coa presenza de diversas autoridades, entre as que destacan a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; e algúns membros da corporación municipal de Bueu co seu alcalde Félix Juncal á fronte.
O Concello de Bueu, colaborador na organización deste acto, porá a disposición un barco de balde que sairá ás 16:30 horas desde o peirao de Bueu e con hora prevista de regreso a porto ás 19:30 horas. Tamén está previsto un pequeno aperitivo na illa, previo ao regreso en barco. Para unha mellor organización do acto é preciso confirmar a praza no barco no mail xd.pontevedra@coag.es .
Relacionadas:
-
Ons, exemplo de sustentabilidade no Día Mundial da Arquitectura
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez ve "prioritario" que Pontevedra teña un novo PXOM
Por Redacción |
-
A Praza de Massó acolle a exposición dos arquitectos galegos sobre Alejandro de la Sota
Por Redacción |
-
17 proxectos de arquitectura efémera concorren ao concurso de Experimenta Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, sede dunha bienal que ve "esencial" implicar os nenos no deseño do espazo común
Por Alejandro Espiño |