A novena edición do Día de Colón teno todo para ser un exitazo
Por Oskar Viéitez
A novena edición do Día de Colón, que se celebra este venres 28 e o sábado 29, reúne todos os elementos para que o evento viva un salto en canto a cantidade de participantes e sexa todo un exitazo. Así o coinciden en sinalar os organizadores, as asociacións Combrus, Vides Novas e a dos comerciantes e empresarios de Poio, que contan coa colaboración do Concello.
Sinalan como primeiro "acerto" as datas elixidas para celebrar a festa, cunha garantía de bo tempo e "sen a competencia" da praia ou doutras festas ou eventos deportivos que lle poidan restar público.
Estas "boas sensacións" aprécianse tamén entre os hostaleiros da zona que "rivalizan de maneira sa" por ver quen decora mellor os seus locais. Esporeados polo concurso que premiará, entre outros elementos, o menú e a vestimenta do persoal do establecemento os empresarios xa se preparan para viaxar ao século XV.
O Día de Colón reivindica de maneira festiva a orixe de Porto Santo do descubridor de América, unha circunstancia que se encargará de enxalzar co seu pregón o escritor Carlos de Vilanova.
A programación do Día de Colón comezará o venres ás 18:30 horas coa apertura do mercado artesanal, seguido ás 19:30 pola exhibición de cetrería e unha función de teatro na rúa a cargo de Seis dedos Marionetas e Viravolta. Ás 21:30 horas está prevista a chegada da Nao Santa María con Colón e a súa tripulación de mariñeiros, acompañados de músicos e outros artistas do lugar.
Xa pola noite, ás 21:45 horas, o cofundador da Asociación Cristóbal Colón galego dará lectura ao pregón e despois terán lugar os bailes medievais na Praza da Chousa a cargo da Asociación Cuna de Moura.
Con iso poñerase fin á primeira xornada da festa, que continuará o sábado xa de mañá.
Ás 11 horas abrirá o mercado artesanal e media hora máis tarde comezará a festa dos nenos na Praza do Alcalde e na Chousa. Pouco despois, e para ir creando ambiente, un pasarrúas de Vides Novas e Berberechiños percorrerá a zona monumental con música. A partir das 12.30 horas celebrarase un obradoiro de esgrima antiga seguido dunha exhibición de cetrería e representaranse tamén os "Entremeses e entresijos para pobres e ricos" dos Medievándalos polas rúas de Combarro.
Tras o descanso para a comida, reabre a zona infantil e inaugurará a xornada de tarde a esgrima antiga, a quen seguirá uns pasarrúas das Pandereiteiras Ronsel que coinciden cos Medievándalos que repetirán a súa actuación teatral para todos os públicos.
A partir das 19 horas empeza a batucada dos Quimatasas seguida da cetrería e ás 19.30 horas máis bailes medievais.
A Xusta Medieval, unha das actividades que xera máis expectación, está convocada ás 20.00 horas na Praza da Chousa.
Así mesmo, no programa tamén destaca a representación da obra teatral "Para lavar Colón", a cargo de Moura Teatro. Será ás 21.30 horas na Praza de San Roque.
Poñerá o broche de ouro á festa un espectáculo de malabares e batucada a partir das 22.30 horas na Praza da Chousa.