Matan en Brasil ao fillo duns emigrantes de Ponte Caldelas
Por Redacción
Consternación en Ponte Caldelas tras coñecerse a morte en estrañas circunstancias de Marcio Pérez Santana, de 41 anos, fillo dunha parella de emigrantes do municipio.
Foi abatido pola Policía na localidade brasileira de Salvador de Baía. A súa nai partiu cara a Brasil para facerse cargo do corpo e poder repatrialo.
O suceso produciuse onte á noite cando Marcio, que tiña unha empresa consultora, e a súa parella estaban a piques de entrar no garaxe da súa residencia.
Segundo puido saber a familia, ambos pasaron por un control policial que non estaba correctamente sinalizado.
A Policía, por causas que se investigan, abriu fogo contra a parella e unha bala alcanzou a Marcio na caluga. Tras ser ferido, o seu coche quedou cruzado no medio da estrada. A explicación oficial dada polo Goberno é que a patrulla policial confundiunos cun grupo de ladróns aos que buscaban.
As autoridades brasileiras abriron unha investigación oficial, ante as acusacións de diversas testemuñas que alertaron de graves irregularidades na actuación policial.
O goberno local de Ponte Caldelas expresou as súas condolencias á familia e aos amigos e achegados deste mozo, con raíces na parroquia de Anceu, onde regresaba nas súas vacacións. Deixa dúas fillas de pouca idade.
Debido a este suceso, o Concello suspendeu a actividade de musicoterapia que ía celebrar esta fin de semana en Anceu.