Dous días de loito oficial en Ponte Caldelas pola morte de Marcio Pérez no Brasil
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas declarou oficialmente dous días de loito en sinal de respecto pola morte no Brasil de Marcio Pérez Santana, natural da parroquia de Anceu. O decreto foi asinado polo alcalde, Andrés Díaz, e ratificado pola Xunta de Goberno local.
O goberno local suspendeu os actos programados ata este sábado. Ao mesmo tempo, as bandeiras da Casa do Concello ondean a media asta.
O decreto da Alcaldía expresa a consternación existente no municipio trala morte, en estrañas circunstancias, nun control policial salpicado de presuntas irregularidades e mal sinalizado, de Marcio Pérez. Esta circunstancia, subliña o texto, agrava a dor de toda a veciñanza.
O Concello solidarízase cos familiares e os amigos da vítima. Ao mesmo tempo fai un agradecemento expreso á Subdelegación do Goberno, que ofreceu axuda nas xestións e trámites que puideran ser necesarios a partir de agora.
Finalmente, o Concello acordou celebrar un minuto de silencio na liña de saída da BTTroita, que se celebra este próximo domingo, en sinal de dor.