PontedeTapas terá sexta edición
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e o sector da hostalería da cidade seguirá apostando por unha das citas gastronómicas que máis éxito ten acadado nos últimos anos. A a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román García, anunciou este xoves que haberá sexta edición do concurso PontedeTapas, se ben non concretou data.
Carlota Román fíxollo saber aos integrantes da Mesa Local do Comercio, que se reuniu na Casa das Campás e na que se presentou o informe sobre as actuacións emprendidas e previstas ao longo deste ano 2013.
As campañas comerciais comezaron en febreiro cun obradoiro de Xeoposicionamento e utilización das Redes Sociais e Márketing Online, no que participaron 15 comerciantes. Está prevista unha segunda edición en setembro. Continuaron coa terceira edición do concurso de escaparates 'Ponte en Primavera', con 45 locais adheridos. Os premios déronse a coñecer este mércores. A próxima edición deste concurso chegará en outono.
Carlota Román anunciou tamén un programa de dinamización das vendas do Nadal en base a unha oferta complementaria de lecer para os nenos e que se asinarán acordos de colaboración para desenvolvemento de campañas e actividades con Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A concelleira deu tamén conta da programación feiral e congresual prevista para este ano, que xa comezou coa celebración do Salón da Educación (Edugal), a feira dos eventos e vodas (Si quero) e o salón da Nutrición e o Deporte (Sportis). A partir de agora quedan por abrir as portas unha pasarela de moda (setembro), a feira do emprego, PonteEmprego (outubro), unha feira de cosmética e perruquería (novembro) e unha feira de doces de convento (decembro).