52 locais de hostalería participarán desde este venres na sexta edición de PontedeTapas
Por Redacción
52 hostaleiros da cidade de Pontevedra participarán, entre os días 29 de novembro e o 8 de decembro, na sexta edición do concurso PontedeTapas, que volverá a poñer a disposición do público unha ampla variedade de pequenas propostas gastronómicas (nas modalidades Tradicional e Creativa) e cócteles. Será a primeira vez que o certame teña unha presenza tan destacada na Internet.
Ao longo dos 10 días de PontedeTapas, a ruta dos locais será percorrida por blogueiros gastronómicos, expertos en redes sociais, cociñeiros profesionais, xornalistas vinculados ao turismo ou actores galegos tan coñecidos como Monti Castiñeiras, Isabel Blanco, Tacho González, Ana Pérez e Bea Hervella. A intención é lograr unha presenza intensa na rede, na que será posible atopar entradas, comentarios e fotografías suxestivas que inviten a participar.
PontedeTapas chega este ano á sexta edición recuperando as modalidades de Tapa Tradicional, Tapa Creativa e Cócteles. Ademais, os premios, como xa se fixera nas primeiras edicións serán decididos por un xurado profesional que estará presidido por Pepe Solla e integrado por Alfonso Cabaleiro, Benigno Campos, Nieves Rodríguez e Eva Pizarro.
Mantéñense as habituais urnas de votación para o público. Ao remate haberá un sorteo entre todas as papeletas emitidas O primeiro premio será unha viaxe e o resto, vales de compra no comercio local e na Praza de Abastos.
O prezo de cada tapa mantense inalterable en 1,50 euros, bebida non incluída. As tapas deben estar dispoñibles en cantidades suficientes no horario de 12.00 a 16.00 horas e 19.00 a 23.30 horas. Paralelamente, o prezo unitario do cóctel será de 2,50 euros e, ao igual que as tapas, debe estar dispoñible para o público no horario de apertura dos locais de lecer participantes.
O xurado reunirase e decidirá os gañadores nunha gala final de PontedeTapas a celebrar o luns 16 de decembro, na que os finalistas elaborarán a súa composición en directo. Nesta mesma gala entregaranse os premios. O xurado outorgará tres diplomas aos gañadores de cada modalidade de tapas e cócteles. Haberá outro diploma máis, correspondente aos premios do público.
Puedes consultar todos os locais participantes e as tapas que propoñen na web de PontedeTapas.