Denuncian a falta de seguridade nos edificios dos xulgados
Por Oskar Viéitez
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT denuncia a falta de seguridade nos edificios dos xulgados da Parda e no contencioso administrativo. Din que, a día de hoxe, "a situación está peor que nunca" xa que só dous axentes da Policía Nacional fan este servizo debido "á falta de cobertura das xubilacións".
Este sindicato ten trasladado este problema á xefa territorial de Xustiza, Marta Mariño Regueiro advertindo que un efectivo da Policía Nacional se xubilará dentro de tres meses, polo que o persoal definitivo máximo co que contará a cidade de Pontevedra para defender dous dos seus edificios xudiciais será de dúas persoas.
Chaman a atención sobre a situación do edificio dos xulgados do Contencioso-Administrativo, na rúa Xermán Adrio, que non conta con vixilancia. Esta circunstancia xa foi denunciada por Alternativas na Xustiza-CUT e polos mesmos maxistrados que "ven perigar a seguridade dos traballadores e cidadáns que acoden a eses xulgados", din os portavoces deste sindicato.
Ademáis engaden na súa denuncia a falta de aparellos de seguridade no xulgado do contencioso-administrativo. E na Parda sinalan a ausencia dun escáner e lembran que as cámaras exteriores dos xulgados levan tempo sen funcionar, "o cal demostra o interese da administración".
Finalmente, dende Alternativas na Xustiza-CUT preguntan "como pode ser posible que, estando nun nivel 4 de alerta terrorista (a un punto do nivel máximo), se permita que uns edificios públicos coma os xulgados se atopen sen vixilancia de ningún tipo co tránsito de persoas diario que reciben".