Atopa 850 euros tirados nunha rúa de Campelo e entrégaos na Policía Local
Por Alejandro Espiño
Hai xestos honrados que merecen ser recoñecidos publicamente. Un deles é o que protagonizou unha veciña de Campelo. Atopou 850 euros na rúa e non dubidou en entregalos nas dependencias da Policía Local de Poio.
Os cartos estaban tirados no chan da rúa Viña do Crego. Asegurou que podería ser o soldo do mes de calquera persoa e que os botaría en falta.
A Policía Local facilitoulle un xustificante da cantidade entregada e se lle informou que serían seus se ninguén os reclamaba pasados dous anos.
Pero non fixo falta. Os axentes, despois de realizar numerosas xestións, deron co seu propietario e fixéronlle entrega dos cartos esta mesma semana.
Con todo, o dono dos cartos quíxose poñer en contacto coa veciña que os atopara para agradecer o seu xesto de devolvelos.
OBXECTOS PERDIDOS
Con motivo deste xesto, a Policía Local de Poio recorda que a cotío entran obxectos perdidos na xefatura local, a maioría deles carteiras con documentación, teléfonos e chaves que en ocasións resulta imposible localizar aos donos.
Dende xaneiro a setembro rexistráronse un total de 350 obxectos perdidos.
A mediados do verán entregaron unha tablet, localizada na zona de Covelo, que se atopa apagada e non se puido localizar ao propietario ata o momento.
Dende a Policía Local solicitan que se extravían algún obxecto pasen a preguntar polo departamento de obxectos perdidos da xefatura, onde están rexistrados e almacenados todos os obxectos que aparecen nas rúas ou ben que entregan os veciños.