O Grove dedica o mes de setembro á emigración meca
Por Redacción
O Concello do Grove pon en marcha este mes un proxecto cultural que pretende homenaxear aos grovenses que, durante décadas, emigraron a distintos destinos na busca de recursos e oportunidades.
Deste xeito setembro será o "Mes da Emigración Meca" cun programa que comeza o vindeiro domingo 9 de setembro ás 12.00 horas na Rúa Castelao coa colocación da placa de homenaxe aos emigrantes en New York.
Xa na semana seguinte, o 13 de setembro, dará comezo na Sala das Cunchas e Sala das Dornas do Concello do Grove a exposición "Galizamérica. Edición e lingua na emigración", unha actividade que contará na súa inauguración coa conferencia de Rosario Portela. A mostra estará dispoñible ata o 27 de setembro.
O 14 de setembro, tamén na Sala das Cunchas proxectarase o filme "A Cicatriz Blanca" de Margarita Ledo Andión cunha temática directamente vinculada coa problemática da emigración galega a comezos do século XX.
Xa o sábado 15 de setembro contaremos coa primeira obra do Ciclo de Teatro organizado pola Asociación Cultura Enxebre, e o 16 de setembro está prevista a lectura pública da obra "Qué lonxe está Lordelo" de Cándido Otero Goday.
O programa tamén se completa co acto de homenaxe a Paco Lores, sendo precisamente a súa filla, Lorena Lores, unha das principais colaboradoras na organización da programación deste mes como secretaria do Museo da Emigración de Bos Aires. Tamén participan nomes de referencia como Antón Mascato quen estará presente na mesa redonda que o domingo 30 de setembro pecha o programa.
EXPOSICIÓNS
Especialmente importantes son as dúas exposicións sobre a emigración meca previstas en setembro. A primeira delas inaugurarase o 20 de setembro na Rúa Castelao onde estarán presentes duascentas fichas fotográficas de emigración no Brasil. Xa o 28 de setembro a Sala das Cunchas e a Sala das Dornas acollerán a mostra "Memoria meca da emigración arxentina" cunha mostra fotográfica e documental da presenza das comunidades grovense naquel país entre o 1880 e 1960.