A Escola Infantil de Tenorio amplía o seu horario na quenda de tarde
Por Redacción
O Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta vén de ampliar o horario de apertura da Escola Infantil Pública A Galiña Azul de Tenorio en 90 minutos diarios na quenda de tarde. Deste xeito, a gardería autonómica manterá o seu horario de arranque de cada xornada neste curso 2018/2019 ás 7.30 horas, pero prolongará a súa actividade ata as 18.00 horas no canto das 16.30 horas que se fixaron inicialmente.
A extensión do horario, que permitirá que o recinto estea en funcionamento durante dez horas e media diarias de luns a venres, veu motivado por unha solicitude dun grupo suficiente de nais e pais, que é un dos requisitos esixidos polo Consorcio para poder ampliar os horarios xunto coa dispoñibilidade de prazas e de medios humanos e técnicos na correspondente escola.
O presidente municipal, Jorge Cubela, que foi quen aconsellou aos proxenitores a recollida de sinaturas e a tramitación da correspondente solicitude, realizou posteriormente diversas xestións cos responsables do Consorcio, co seu xerente, Perfecto Rodríguez, ao fronte, e acadouse a prolongación da apertura.
Cubela quixo agradecer a "sensibilidade" da Xunta para cubrir esta necesidade coa comunidade educativa de Tenorio e deste modo "permitir que as nais e os pais dos cativos teñan algo máis fácil a conciliación da súa vida familiar e laboral e que a escola infantil conte cun horario dos máis amplos da provincia de Pontevedra".
A escola de Tenorio aínda ten prazas libres e non conta con lista de agarda e ademais manexará por segundo ano consecutivo unha ampla capacidade tras a implantación da quinta unidade e o conseguinte incremento do seu aforo ata os 74 cativos.