Cubela solicita unha reunión urxente con Fomento ante a reactivación da reforma da N-541 en Viascón
Por Redacción
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vai solicitar unha reunión urxente co Ministerio de Fomento unha vez que tivo coñecemento da reactivación da reforma da estrada N-541 o seu paso pola parroquia de Viascón.
Segundo informou o Concello, o ministerio vén de convocar aos propietarios, a través de cartas informativas, ao acto de sinatura de actas previas á expropiación, reactivando un proxecto que fora paralizado polo anterior executivo central.
Cubela acaba de mostrar a súa sorpresa ante o feito de que o Ministerio de Fomento acabe de reanudar o proxecto e anunciou a súa pretensión de consensuar a súa execución e as distintas solucións previstas polo departamento estatal.
A reunión que vai solicitar ten como finalidade tratar de acordar a reforma, xa que cómpre lembrar que o executivo local conseguiu a suspensión do proxecto tras detectar unha forte oposición veciñal á solución plantexada inicialmente polo Goberno central.
A reforma da N-541 en Viascón foi deseñada polo anterior Goberno central e consistía na instalación dunha medianera horizontal na calzada cun carril de incorporación e a dotación dunha vía lateral de servizo, pero os veciños entendían que esta obra prexudicaba á vida da parroquia e era innecesaria xa que non se detectara ningún problema de seguridade.
O presidente municipal anunciou que o goberno de Cerdedo-Cotobade vaise poñer, "ao igual que fixo co goberno anterior, do lado dos veciños" e intentará negociar unha solución "acaída aos intereses de todas partes para que, se se produce unha reforma da estrada, a mesma non prexudique á parroquia de Viascón".