Os socialistas acusan a Cubela de "faltar á verdade" no proxecto da N-541 ao seu paso por Viascón
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros Andrés Rodríguez e Lina Garrido asistiron este venres a unha reunión con responsables do Ministerio de Fomento para coñecer as posibilidades de paralización do proxecto da estrada nacional N-541 ó seu paso por Viascón e ao remate da xuntanza acusaron de "faltar á verdade" a Jorge Cubela, presidente da xestora municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade.
"Non imos consentir que Jorge Cubela falte á verdade aos veciños de Viascón e intente trasladar que é unha decisión do Partido Socialista, actualmente no Goberno", dixeron.
Según informaron os concelleiros socialistas na reunión con Fomento "este proxecto nunca foi paralizado", e simplemente tivo un retraso debido á nova ley de contratación, estivo a exposición pública fai máis de dous meses e actualmente xa está a obra licitada e adxudicada.
Estes concelleiros din ter comprobado "que Jorge Cubela tiña coñecemento desta obra dende o primeiro momento e que non trasladou ao expediente ningunha acta referente ó pleno do 28 de xaneiro do ano 2016 onde se aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo socialista de rexeitamento absoluto a esta obra, polo tanto antes estaba de acordo e agora co cambio de Goberno xa non".
Engaden estes ediles que "en ningún momento se presentaron alegacións por parte do goberno de Cotobade ao proxecto e tampoco se informou aos veciños para que estes o fixeran".
"En ningún momento se presentaron alegacións por parte do goberno de Cotobade", din os concelleiros socialistas
Denuncian entón que o comportamento de Jorge Cubela "foi de mutismo absoluto, como fixo cando foi da fusión, sempre decía que non sabía do tema e dun día para outro aparecemos fusionados".
"Tamén poidemos comprobar que as posibilidades de paralización deste proxecto son nulas, xa que o non terse presentado alegacións, enténdese que é ben aceptado por todos, e por tanto ningún ministerio podería paralizar esta obra".
Finalmente Andrés Rodríguez e Lina Garrido sinalan que teñen trasladado a Fomento a preocupación da veciñanza de Calvelo, na parroquia de Tenorio, pola perigosidade que amosa o proxecto xa rematado que divide o lugar en dous cun problema seria para cruzar.
CUBELA CRITICA O PSOE
Pola súa banda o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade e máximo responsable da agrupación local do PP, Jorge Cubela, criticou o PSOE tanto pola decisión de reactivar a reforma da travesía de Viascón na N-541 desde o Ministerio de Fomento como de querer culpar ao anterior executivo central desta medida por parte do grupo municipal.
Cubela visitou a parroquia en compañía do deputado nacional do PP Tomás Fole para explicarlle de primeira man a situación e que faga xestións directas desde o Congreso e nos demais foros políticos da capital e ambos mantiveron, a pé de estrada, unha xuntanza cos veciños e representantes da comunidade de montes para decidir os vindeiros pasos de cara a conseguir que se volva a frear esta obra.
Neste senso, polo momento non se tomou unha decisión definitiva, xa que as distintas posibilidades, desde pancartas reivindicativas ata mobilizacións, maduraranse nos próximos días.
Cubela pediu á voceira municipal socialista Lina Garrido que faga xestións para que manteñan paralizada a obra. "É moi sinxelo, porque querer é poder, pero ela nin quere, porque pasa dos veciños de Viascón e só quere desgastar a este goberno aínda que sexa con mentiras, nin pode, porque no seu partido non lle fan nin caso", sinalou.
Relacionadas:
-
As comisións aproban por unanimidade a proposta de que se manteña parada a reforma da N-541 en Viascón
Por Redacción |
-
O PSOE critica o comportamento "totalmente inmaduro" de Cubela
Por Oskar Viéitez |
-
Maica Larriba informou en Viascón que non houbo alegacións ao proxecto da N-541 por parte do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
En Marea reclama a Fomento a suspensión do vial de acceso a Viascón
Por Redacción |
-
Cubela pide a Fomento consenso coa veciñanza antes de continuar co proxecto da N-541 en Viascón
Por Redacción |
-
Cubela solicita unha reunión urxente con Fomento ante a reactivación da reforma da N-541 en Viascón
Por Redacción |