O BNG esixe ao Concello de Caldas e á Xunta que advirtan á poboación do perigo das augas do encoro do Umia
Por Redacción
O BNG de Caldas de Reis denuncia o "grave problema de saúde pública" no que se converteu o encoro do río Umia e asegura que se chegou a esta situación pola "pasividade e a temeridade" coa que actúan a Xunta de Galicia e o Concello de Caldas de Reis.
Os nacionalistas aseguran que hai case dous meses que saltou a alerta por presenza de cianobacterias na auga do encoro e "aínda ninguén tomou medidas para informar á poboación e prohibir o baño no río".
Dado que consideran que se trata dun problema de saúde pública no que hai que actuar inmediatamente, desde o BNG esíxenlle tanto á Xunta como ao Concello de Caldas que advirtan á poboación do perigo e se instalen carteis informativos ao longo do río, con especial atención nos lugares habitualmente usados para o baño.
Como segudno paso, esíxenlles avanzar nunha solución definitiva a este problema e lembran que os expertos na materia afirman que esa solución pasa pola apertura de comportas e o desmantelamento da presa da Baxe.
O concelleiro do BNG en Caldas, Manuel Fariña, lamenta que o Concello de Caldas estea "máis preocupado en botarlle a culpa á Xunta de Galicia que en protexer a saúde e a vida" dos veciños.
Ademais, insiste que a situación se está a prolongar desde o pasado 6 de xullo sen que se informara aínda á poboación e critica que a alerta pola presenza de cianobacterias saltou durante a celebración do festival Portamérica e non se advertiu de ningún xeito á poboación do estado das augas, de modo que moitas persoas se bañaron no Umia.