Localizan e logran a eliminación dun vertido de orixe industrial en Caldas
Por Redacción
Técnicos do ente público Augas de Galicia lograron eliminar este verán un punto de vertido de orixe industrial localizado nunhas instalacións dedicadas á fabricación de cepillos e vasoiras en Caldas de Reis.
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, o persoal de Augas de Galicia localizou o punto da vertedura no transcurso dunha inspección acompañados por membros do servizo de gardaría fluvial. Identificaron un vertido de augas residuais procedentes da purga do sistema de refrixeración das instalacións.
As augas residuais vertían directamente desde o interior cara á canalización de pluviais do terreo que as rodeaba. Tras poñer esta situación en coñecemento do titular da fábrica, técnicos do organismo de conca fixeron unha nova inspección durante a que comprobaron que a incidencia xa fora resolta mediante a instalación dun depósito onde agora se almacenan as augas residuais ata o momento en que un xestor autorizado pasa a recollelas.
A detección e posterior eliminación deste foco contaminante foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de control de vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.