Reforzan o servizo de información turística de Ponte Caldelas
Por Redacción
Desde esta semana, Ponte Caldelas dispón dun servizo de información turística ao que se incorpora unha nova técnica durante un período de seis meses, prorrogables por outros seis.
O goberno local tamén sinalizará a Casa da Cultura, desde onde se ofrece o servizo de información para os visitantes, coa imaxe corporativa e os distintos de Turismo Rías Baixas ao incorporarse á rede de puntos que mantén este organismo.
Esta nova oficina turística manterase aberta de martes a venres de 16.00 a 21.00 horas e tamén durante os fins de semana, en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas.
Desde o Concello destácase, como reclamos turísticos, o importante patrimonio arqueolóxico en arte rupestre e en material etnográfico, ademais das casas indianas e a paisaxe singular do municipio.