Crean un roteiro turístico por cinco Casas Indianas
Por Redacción
As Casas Indianas son un elemento fundamental da historia de Ponte Caldelas. Por este motivo, o Concello quere recuperar a historia da vila e poñer en valor estas creacións arquitectónicas.
Co proxecto iniciado sinalizáronse cinco vivendas con especial protección para que formen parte dun roteiro de atractivo turístico: a Casa de Clotilde Fernández, a de Dolores Méndez, a Casa de Laurentino Leiro, a Casa da Rúa López Boullosa e a de Manuel Rodríguez. Todas elas teñen como característica común o estilo arquitectónico indiano e para sinalizalas utilizáronse paneis de aceiro inoxidable con deseño exclusivo. Nestes paneis aparece unha descrición arquitectónica e estilística do inmoble que se pode ler en tres idiomas, a través da utilización dun código QR.
Para 2022, o Concello estuda ampliar esta proposta aos edificios situados no centro urbano e tamén noutros puntos do rural, ao tratarse dun municipio representativo deste tipo de arquitectura. O arqueólogo Alberte Reboreda desenvolveu este proxecto e destaca a boa conservación das vivendas que normalmente pertencían a emigrantes retornados e que, segundo a doutora e profesora Covadonga Álvarez Quintana, contan cun prominente corpo central que alberga un amplo van de acristalado e unha cuberta a dúas ou catro augas baixo a que se sitúa unha tipoloxía moi específica de bufarda habitable.