Somos Ponte Caldelas e a Garda Civil, aliados da campaña de recollida de tapóns de Amigos de Galicia
Por Redacción
A asociación cultural Somos Ponte Caldelas e a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra convertéronse este venres en aliados da nova campaña de recollida de tapóns da Fundacón Amigos de Galicia, que se marca o reto de conseguir 47.782.453 unidades para prover ao centro Amencer- Aspace en Pontevedra dun programa Spidersuit de fortalecemento intensivo e personalizado para menores con trastornos neuromotores.
Somos Ponte Caldelas entregou a Amigos de Galicia unha cantidade inxente de tapóns doados por veciños da comarca do Verdugo-Oitavén nun acto de entrega este venres no que estiveron presentes o presidente da Fundación, Jesús Busto, e representantes da entidade e da Garda Civil.
O papel da Garda Civil foi decisivo para poder trasladar os tapóns entregados ata a sede da ONG en Vilagarcía. Un furgón do instituto armado especialmente habilitado para esta iniciativa solidiaria levou todas as pezas en sacos, así como un importante número de xoguetes e roupa destinada a persoas en situación de risco de exclusión social
A presidenta de Somos Ponte Caldelas, Milagros Domínguez, e Jesús Busto agradeceron e valoraron moi positivamente o sentimento solidario dos veciños da comarca do Verdugo-Oitavén, pois a campaña solidaria tivo un nivel altísimo de seguemento. Tamén deron as grazas á Garda Civil pola súa colaboración ante a imposibilidade de contar cun transporte propio de dimensións axeitadas para trasladar o enorme volume de tapóns conseguidos nesta campaña.
"Sentímonos moi agradecidos polo xesto da Benemérita ante un problema operativo que tiñamos para achegarlle á Fundación as doazóns recadadas. Tras facer unha sinxela xestión rápidamente se puxeron á nosa disposición amosando que un dos principios básicos do Corpo é a vocación de servizo e a solidariedade", manifestou Milagros Domíguez.