Polémica polo uso do campo de fútbol de Chan da Barcia en Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A asociación cultural Somos Ponte Caldelas lamenta "profundamente" que o goberno local "prohíba o uso do campo municipal de Chan da Barcia para celebrar un partido pola igualdade e contra a violencia de xénero" que ían xogar mulleres da Garda Civil e o equipo feminino do Ponte Caldelas.
Estaba previsto celebrar o partido o vindeiro 13 de outubro ás 18 horas.
A presidenta desta asociación, Milagros Domínguez, enmarca esta negativa do Concello nun "novo episodio na persecución e intento de silenciar o traballo desinteresado e altruísta a prol da igualdade e contra a violencia de xénero" deste colectivo.
Somos Ponte Caldelas di ser vítima dun "boicot permanente" por parte do goberno local ás súas actividades, desde a "non contestación a ningún escrito" no que se solicita autorización para ocupación de espazo público ata o "impedimento do uso de locais públicos baleiros".
Finalmente rexeitan esta "actitude antidemocrática e agresiva" do goberno local.
VERSIÓN DO GOBERNO LOCAL
Desde o goberno local afirman que ninguén se dirixiu ao Concello para anunciar o partido nin para pedir autorización para utilizar unha instalación municipal.
O alcalde, en conversa coa subdelegada do Goberno, comprobou que tampouco Maica Larriba tiña coñecemento do evento, así como tampouco autorizara a utilización dos logotipos da Subdelegación do Goberno, que xunto aos do Concello aparecían no cartel. Tampouco o presidente da SCD Ponte Caldelas tiña coñecemento desta cita solidaria. O goberno local relaciona á asociación organizadora co Partido Popular de Ponte Caldelas.
Segundo informaron desde a Comandancia da Garda Civil nas últimas horas, a iniciativa do partido é da Garda Civil e non da asociación. O evento estaba incluído no marco dos actos de aniversario pola incorporación da muller á Benemérita.
Tras estas explicacións, o Concello ten previsto organizar directamente o partido xunto coa Subdelegación e a Comandancia da Garda Civil. A data elixida será anunciada proximamente.