Gonzalo Caballero reúnese co sector naval e pesqueiro en Marín para trasladar as demandas a Pedro Sánchez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Dentro da axenda de contactos con representantes do sector primario, o secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, mantivo un encontro este xoves no Porto de Marín con representantes do sector naval e do sector pesqueiro.
O líder socialista indicou que se tratan de sectores de referencia na economía galega e lembrou que a actividade pesqueira atópase nunha fase problemática ante as prohibicións de pesca impostas pola Unión Europea, pendentes de convenios internacionais ou afectados polo Brexit.
Caballero acudía ás instalacións de Nodosa, a empresa de construción e reparación naval situada na Autoridade Portuaria de Marín, para establecer o contacto cunha entidade que é "referencia non sector naval" e que xera centos de empregos.
No encontro cos empresarios, o secretario xeral socialista estivo acompañado polo senador Modesto Pose, o deputado Guillermo Meijón, a deputada autonómica María Pierres e pola secretaria xeral do PSOE local, Luz Santiago.
Gonzalo Caballero sinalou que, nestas conversas, se recollen as demandas dos distintos sectores primarios co obxectivo de elaborar unha "estratexia azul" para aproveitar ambiental e produtivamente o recurso mariño en Galicia. Sinalou que esas demandas serán trasladadas ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para que adopte medidas políticas que incentiven a actividade económica.
DATOS DO PARO
Caballero tamén quixo referirse ao descenso do desemprego en Pontevedra durante o mes de xullo sinalando que se está a producir unha recuperación económica que, con todo, non chega ás familias. Neste sentido culpou ao goberno do Partido Popular por manter un modelo de emprego de menor calidade, reducindo o peso da masa salaria no valor engadido do país.
Considera fundamental que Pedro Sánchez conectase na súa primeira reunión cos axentes sociais co obxectivo de modificar unha lexislación laboral para xerar fórmulas de emprego que potencien a estabilidade e reduzan a precariedade. O PSOE, apuntou, quere incrementar o salario mínimo interprofesional de aquí a 2020 por encima dos 1.000 euros.
Ademais, o representante socialista vaticinou que o PP está a finalizar un ciclo político en España e en Galicia. "O Feijóo que gobernou Galicia deixouna con menos oportunidades, con xestión de recortes pero sen estratexia de acción", concluíu.