Ethel Vázquez reta á Deputación a buscar unha solución "viable" para desdobrar a vía rápida do Salnés
Por Alejandro Espiño
A Xunta de Galicia convida á Deputación de Pontevedra a presentar unha solución técnica que sexa "viable" e que respecte a protección ambiental de zonas protexidas da Rede Natura para executar o desdobramento da vía rápida do Salnés, entre Sanxenxo e O Grove.
"O fácil é falar do traballo dos demais", afirmou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, preguntada sobre as críticas da presidenta provincial, Carmela Silva, aos continuos atascos que se rexistran nos accesos ás praias do Morrazo e O Salnés.
Por iso é polo que retase á institución provincial a remitir ao goberno galego unha proposta técnica para ampliar a capacidade de dita vía de comunicación. "En canto nos traslade ese documento técnico, executarémolo de forma inmediata", garantiu Vázquez.
"En canto nos traslade ese documento técnico, executarémolo de forma inmediata", garantiu Ethel Vázquez
Iso si, a conselleira reiterou que calquera proposta debe "respectar" a Rede Natura e censurou que Silva fale "tan alegremente" de que esta protección ambiental "se pode sortear".
A titular do departamento de infraestruturas defendeu, en todo caso, o "incuestionable" traballo que executa a Xunta para mellorar as comunicacións, a mobilidade e a seguridade viaria na área de Pontevedra.
Entre outras actuacións, destacou os 50 millóns de euros investidos na autovía do Morrazo, o plan de sendas de Galicia, o plan de reforzo do firme nas estradas de titularidade autonómica ou a aposta polo plan de transporte metropolitano para fomentar o uso do transporte público entre os cidadáns.
"Dubido que a Deputación teña unha planificación tan clara, concisa e obxectiva", asegurou Ethel Vázquez, que achaca os atascos a situacións "concretas" derivadas do bo tempo e do aumento do volume de vehículos que acceden ás zonas de costa.