Suspenden ata marzo as obras para renovar o firme na autovía do Salnés
Por Redacción
As adversas condicións meteorolóxicas obrigaron a suspender temporalmente os traballos de renovación do firme da autovía do Salnés que, segundo confirmou a Xunta de Galicia, non se retomarán ata marzo de 2020.
A chuvia e as baixas temperaturas están a impedir unha boa execución dos traballos, cuxo resultado está moi condicionado pola humidade e as temperaturas.
Trátase do estendido da nova capa de rodadura, que inclúe a súa aplicación en toda a lonxitude da autovía e nos ramais de enlace, e que se estenden a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais na mesma
A magnitude desta intervención fixo considerar necesario pospoñer o remate das obras para garantir a súa calidade e resultado. Nestes momentos, están executadas ao 65%.
As obras, ata o de agora, desenvolvéronse sen ningún problema relevante de tráfico durante a súa execución, máis alá das propias deste tipo de intervencións nas que se fai necesario desvíos alternativos e cortes puntuais informados con antelación.