O cambio a tecnoloxía led na iluminación das rúas aforrará aos caldeláns 30.000 euros
Por Redacción
O cambio de toda a iluminación urbana de Ponte Caldelas á tecnoloxía led está a piques de concluír despois de que o Concello completase estes días a cuarta fase, consistente na substitución de todas as luminarias da rúa de González Besada, incluíndo a súa prolongación coa travesía da PO-234, estrada a Augasantas.
En total substituíronse 30 unidades de 250 watios de vapor de mercurio por novas lámpadas led de 64 watios, o que supón unha redución dun 88% na potencia instalada. As obras incluíron tamén o cambio da liña, que estaba en mal estado, así como o cadro de mando e medida do consumo, xa que o actual non cumpría a normativa.
As obras contaron cun orzamento de 19.890,21 euros e súmanse ás xa realizadas na contorna da Alameda e centro urbano, avenida de Pontevedra ata a rotonda de Cuñas, rúa da Ponte e contorna de Chan da Barcia e, finalmente, contorna da rotonda de Pazos, incluíndo estrada de Caritel ata o cruce da Fraga.
O centro urbano, despois destas catro fases, está a piques de rematar a súa reconversión á tecnoloxía led, dado que xa só resta a substitución da rede da avenida de Vigo, que será máis complexa porque implica tamén a estrea de novos báculos.
Neste ámbito, o Concello programa unha reestruturación completa, con reforma das beirarrúas e da circulación rodada, que quedará configurada en dirección única de saída. A avenida de Vigo contará así cunha gran bolsa de aparcamento en batería para preto de 200 prazas ata a ponte. As obras están enmarcadas dentro da preparación de toda a contorna para a construción do novo balneario de Ponte Caldelas.
O goberno local destaca que a aposta polo led acometida este mandato está a producir importantes aforros estimados nun 84% sobre o consumo anterior.
As arcas municipais están a percibir estes efectos beneficiosos, pois o gasto eléctrico do centro urbano reduciuse en máis de 30.000 euros. Ademais, o aforro para o Concello de Ponte Caldelas non só ven da man do consumo, senón tamén do mantemento da rede, pois os drivers (transformadores) están garantidos para 10 anos e os focos led teñen unha vida útil duns 20 anos, moi superior á das lámpadas convencionais.
Unha vez rematada a reconversión tecnolóxica da iluminación urbana, o Concello acometerá progresivamente a de todos os núcleos de poboación do rural, comezando polos de maior consumo.