O xornalista Rodrigo Cota lerá o manifesto antitouradas
Por Oskar Viéitez
Na manifestación do sábado 11 de agosto, que sairá ás 20 horas da Praza da Peregrina, a persoa encargada de ler o manifesto antitouradas neste 2018 será o escritor, guionista e xornalista pontevedrés Rodrigo Cota.
Segundo informaron dende a plataforma Touradas fóra de Pontevedra, Cota é unha "persoa referente do mundo cultural da nosa cidade e que ten demostrado nas súas columnas (entre outros espazos) o seu compromiso coa causa abolicionista".
Este colectivo sinala que Pontevedra é o "último reducto taurino dunha Galicia cunha maioría de persoas contraria ás touradas e sen tradición algunha".
Máis dunha trintena de colectivos deron o seu apoio á vindeira mobilización que, segundo valorou esta plataforma "ten acadado algúns dos seus obxectivos como a declaración de concello contrario á barbarie taurina, fin das subvencións e axudas por parte da Deputación de Pontevedra, supresión da feira taurina do programa de festas".
Por isto anuncian que continurán a traballar "para que as touradas en Pontevedra máis pronto que tarde sexan un mal recordo do pasado".