Raxó, gastronomía e "música ó solpor"
Por Oskar Viéitez
A parroquia poiense de Raxó aumenta o seu atractivo con dúas ofertas estivais: a súa festa gastronómica e concertos á noitiña desde a terraza do centro Xaime Illa.
Desde este venres e ata o día 25 de xullo, está instalada no peirao de Raxó unha carpa cunha mostra dos mellores produtos da ría a prezos populares.
A Feira Gastronómica "Vila de Raxó" está organizada pola Confraría de Pescadores de San Gregorio que leva máis dunha década impulsando esta iniciativa.
A carpa abrirá entre as 13 e as 14 horas para a comida e entre as 20 e as 23 horas para a sesión de cea.
Pero ademais a terraza do centro Xaime Illa será escenario de dous concertos nocturnos a cargo dos grupos Oh! Ayatolah e Ukestra do Medio que actuarán o primeiro e segundo venres do mes de agosto en Raxó, dentro do Ciclo de Música ó Solpor.