O Raxó CF recupera a procesión marítima da Saleta
Por Redacción
Unha vez obtidas as autorizacións e os permisos necesarios, a comisión de Festas do Raxó CF desvelou este venres a gran sorpresa que anunciaron a principios de verán para completar o cartel das Festas da Saleta que o club está a organizar para finais de setembro.
Trátase da recuperación da procesión marítima en honra á Virxe da Saleta, un festexo popular que, antigamente, tiña moito arraigamento na parroquia e que, por diversos motivos, deixou de celebrarse hai máis de medio século e que o club quere rescatar "para poñer en valor a nosa memoria e as nosas tradicións".
Chaman á participación de todos os propietarios de embarcacións e á implicación de toda a parroquia nunha iniciativa histórica para poñer en valor o patrimonio cultural e a memoria de Raxó.
Ademais da misa solemne e a procesión marítima, as Festas da Saleta contarán con actuacións musicais de primeiro nivel e actividades para todos os públicos durante a fin de semana do 21, 22 e 23 de setembro.
Así, o venres 21, actuarán dous conxuntos con raíces en Poio, Ritmo Joven e Marbella, e o sábado 22, despois da procesión, as coñecidas orquestras La Ola DM e Panorama, ademais doutras actividades para todos os públicos durante toda a fin de semana.