Pedaladas pide reducir a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora nas rúas de Marín
Por Oskar Viéitez
A raíz do accidente de tráfico rexistrado este venres na rúa Jaime Janer de Marín no que faleceu atropelado un home de 85 anos, a asociación Pedaladas pediu á alcaldesa María Ramallo que se aplique a velocidade máxima de 30 quilómetros por hora nas rúas da vila.
Este colectivo, que agrupa a usuarios da bicicleta, reitera así unha petición que xa cursaron en decembro de 2016.
Pedaladas lembra que as probabilidades de que un atropelo sexa mortal redúcense a un 5% cando os coches circulan a 30 quilómetros por hora, pero chegan ao 55% se se alcanza unha velocidade de cincuenta.
CATRO RUTAS
Ademais, Pedaladas programou para esta fin de semana catro rutas diferentes pero todas de carácter familiar.
Este sábado visitarán o pazo de Lourizán, outra ás praias de Lourido e os muíños da Freixa. Para o domingo programan unha marcha ata as Salinas de Ulló e o río Gafos e, finalmente, habrá unha pedalada reivindicativa pola cidade pedir a reforma do código penal de forma que sexa máis xusto para peóns e ciclistas.