Bucinazos para festexar San Cristóbal
Por Redacción
O próximo 10 de xullo celébrase San Cristóbal, patrón da estrada, e os transportistas de Pontevedra decidiron este domingo facer soar as súas bucinas mentres percorrían en comitiva as zonas próximas ao centro urbano.
Unha ducia de vehículos, algúns cos seus remolques, escoltados por un coche da Policía Local de Pontevedra realizaban unha caravana festiva durante o mediodía desta xornada polos viarios máis espazosos da cidade.
Na cabeceira, un dos vehículos portaba a imaxe de San Cristóbal que traslada ao neno Xesús no ombreiro. Este santo, responsable da prudencia, era anteriormente patrón dos arrieiros para agora selo dos camioneiros e dos condutores en xeral.