As bandeiras azuis volven ondear en Sanxenxo e Caneliñas
Por Oskar Viéitez
Aínda que o sol non acompañou, este luns celebrouse o izado das bandeiras azuis no Concello de Sanxenxo. O goberno local escolleu dúas praias para este acto: Areas e Caneliñas, que lograron recuperar as insignias que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, expresou o "orgullo" de todo o Concello pola recuperación destes distintivos de calidade nas praias, un dos obxectivos que se marcou o pacto de goberno asinado polo PP e SAL hai un ano.
Telmo Martín felicitou a todos os que contribuíron co seu traballo para que estes areais poidan presentar unha calidade excelente das augas e unha completa dotación de servizos. "Fixeron as cousas ben", ratificou o alcalde.
A praia de Areas perdera a bandeira azul en 2016, despois de que unha das dúas mostraxes realizadas na contorna do río non arroxase un resultado de excelente. Tres veráns levaba Caneliñas sen o distintivo como consecuencia de problemas por verteduras puntuais.
Durante o acto de izado das bandeiras o presidente do Consorcio de Empresarios de Turismo de Sanxenxo ( CETS), Francisco González indicou que a aposta deste sector ten que ser pola calidade, enumerando os diferentes recoñecementos que acumula o municipio neste sentido.
Pola súa banda o alcalde felicitou a Jacobo, un dos socorristas da praia de Caneliñas. É todo un experto xa que leva 14 veráns traballando en Sanxenxo.
"Non o cambiaría por nada", dixo Jacobo, aínda que postos a mellorar propón "ampliar a contratación durante máis tempo" unha idea que o alcalde ve con bos ollos. "Vexoo ben iso, teremos que traballar nesa liña", afirmou.