Aínda que chova, non o esquezas: é 1 de xullo e quedan prohibidas as queimas
Por Redacción
Se ves lume, avisa no teléfono gratuíto 085
É domingo 1 de xullo. Aínda que non pareza tal data polas condicións meteorolóxicas de choivas e baixas temperaturas rexistradas en toda Galicia, chegou a época central do verán e, con ela, a tempada de alto risco de incendios na comunidade. Con motivo de tal circunstancia, a Xunta aciva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte.
A campaña de alto risco de incendios forestais comeza este domingo e por primeira vez estenderase ata o 31 de outubro. En canto á prohibición das queimas, será de aplicación durante os catro meses, pero poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen.
A decisión de estender a temporada de alto risco decidiuse despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. Por tal motivo, o operativo de extincion tamén se amplía e a prestación do servizo dos traballadores fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa pasará de 3 a 4 meses, ata o 31 de outubro.
A Consellería de Medio Rural informa de que a partir deste domingo tamén se reforza o dispositivo establecido no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga. Este ano, como nas últimas campañas, o dispositivo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, con 5.700 profesionais da Xunta, que estarán apoiados por persoal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do Exército e dos corpos e forzas de seguridade do Estado e outras entidades locais.
Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos -entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado- e 360 motobombas da administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.