Máis de 250 efectivos estudan en Pontevedra como actuar na "situación 2" de emerxencias nos incendios forestais
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu este martes na importancia da coordinación, cooperación e colaboración entre as distintas administracións na xestión dos incendios.
Alfonso Rueda e a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, asistiron á inauguración da xornada de coordinación de emerxencias.
Rueda incidiu en que é fundamental a coordinación e indicoulles que Plan Especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais é a ferramenta que permite regular a organización, coordinación e mobilización dos medios e recursos.
A xornada estivo centrada nos incendios clasificados como "situación 2", que é a provocada por aqueles lumes que poidan afectar gravemente á poboación, polo que a prevención tamén cobra especial importancia como medio para garantir a seguridade dos cidadáns e responder de modo adecuado, eficiente e eficaz, en caso de riscos colectivos.
Máis de 250 persoas participaron na xornada que ten como obxectivo crear un foro de coordinación de incendios forestais de cara a implantalas na campaña de incendios forestais deste ano 2018 que comeza en breve.
A tempada de alto risco de incendios adoita abarcar xullo, agosto e setembro e nela participan 7.000 efectivos, contabilizando os propios da Xunta, Ministerio de Agricultura, Exército e corpos e forzas de seguridade do Estado. A eles súmanse 30 medios aéreos e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros.