Santa María de Sacos, Augasantas e Famelga súmanse ao zafarrancho de asfaltados
Por Redacción
A todo ritmo parece ir o plan de renovación de asfaltados en Cerdedo-Cotobade. Santa María de Sacos, Famelga e o lugar de Martín, na parroquia de Augasantas, son as últimas zonas do municipio nas que se están a facer estes traballos.
Todas estas obras están sendo aceleradas pola propicia climatoloxía dos últimos días.
Unha das principais actuacións desta área tivo lugar en parte do núcleo interno de Famelga, ao que se dotou dun novo firme e no que se acometeron diversos remates en esquinas, muros e prazas.
Ademais, a semana pasada procedeuse á limpeza e pavimentación da pista entre O Coto e O Galo, na parroquia de Santa María de Sacos, e está previsto que este investimento quede rematado este luns.
Finalmente, e tras rematar en Santa María, o traballo vaise trasladar a unha pista do lugar de Martín que conta cunha forte pendente e que está moi deteriorada precisamente porque o desnivel favorece que as augas de escorrentía discorran con bastante forza e afecten ao firme existente.
Jorge Cubela explicou que estes traballos "son de gran importancia para o bo estado das nosas aldeas" e destacou que grazas aos distintos plans de obras e aos recursos da brigada municipal "estamos chegando a moitos puntos do concello e iremos cubrindo todas as necesidades, pero pido un pouco de paciencia porque imos paso a paso".