Os Palleiros denunciará ante o Seprona o caso da cadela tiroteada na Canicouva
A protectora de animais Os Palleiros, responsable do centro de acollida municipal, presentará unha denuncia ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil polo caso da cadela que faleceu tiroteada na Canicouva.
A súa presidenta, Gloria Cubas, avanzou que a asociación esperará a recibir o informe veterinario que presentará a clínica que atendeu á cadela.
Segundo os estudos preliminares, o animal recibiu un tiro que lle seccionou a medula espinal e, posteriormente, foi arroxado a un sumidoiro. Era unha cadela de caza que estaba preñada.
Ante este mismo caso, a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber activaron unha recompensa por información contra os malos tratos animais.
Os colectivos, do mesmo xeito que noutras ocasións na provincia pontevedresa, ofrecerán 1.000 euros por datos que permitan identificar o autor deste brutal caso de crueldade, onde unha cadela preñada recibiu un disparo, presuntamente dunha escopeta de caza, e foi deixada á súa sorte nunha tubaxe de pluviais.
Neste sentido os animalistas lembran que este caso pode ser afrontado desde unha vía penal, por un delito de malos tratos animais condenable con ata un ano de prisión e a inhabilitación para a tenencia por un máximo de 36 meses, ou pola vía administrativa, aplicando a nova Lei de Benestar Animal, que contempla multas de ata 30.000 euros e inhabilitacións por un máximo de dez anos.
Ademais os defensores dos animais sospeitan da potencial identidade do autor deste acto de auténtico sadismo, sinalando que os antecedentes o vincularían cun cazador, "tanto pola arma de lume, sendo unha escopeta empregada en batidas, como pola raza do can, coincidente coas explotadas nestas prácticas".
Esperan que o estímulo monetario sirva para "romper o pacto de silencio existente en moitas zonas de Galicia con respecto aos malos tratos dos animais", como detectaron por exemplo en situacións de encadenamiento continuado ou coa colocación de lazos e cepos ilegais.
Calquera persoa que coñeza datos do posible responsable da morte do animal debe poñerse de forma inmediata en contacto coa Garda Civil e, unha vez verificada a calidade do posible testemuño, remitir aos animalistas a proposición.