Cans "palleiros" con denominación de orixe
Por Alejandro Espiño
A canceira municipal de Campañó atende actualmente a 147 animais. Deles, 31 están en casas de acollida para non saturar as instalacións. E a ocupación vai a máis. No segundo trimestre do ano recolléronse 69 cans e tan só se deron 31 en adopción. De aí que Os Palleiros poña en marcha unha nova campaña para fomentar a adopción de cans.
A presidenta dos Palleiros, Gloria Cubas, presentou este mércores a campaña "Denominación de orixe Palleira", acompañada pola concelleira de Saúde Animal, Pilar Comesaña, e Daniel Alonso, un alumno de Publicidade e Relacións Públicas que deseñou esta iniciativa como traballo de fin de grao.
A campaña ten como obxectivo animar á adopción de cans e "sacudirlles o estigma" de animais abandonados e sen futuro.
Este selo de calidade "palleira" acreditará a orixe do animal, o seu estado e que é entregado despois de recibir os coidados hixiénicos e veterinarios precisos.
Ademais, para promocionar a adopción de cans de "difícil encaixe", a iniciativa leva dous subtítulos: "Etiqueta Negra" para animais potencialmente perigosos e "Gran Reserva" para os cans de maior idade.
O reto é atopar un fogar para 16 cans e cadelas. A campaña, que se activa este mércores, manterase durante todo o verán.
CITAS BENÉFICAS
Os Palleiros anunciou ademais que o 7 de xullo haberá unha xornada de portas abertas na canceira municipal e o 28 de xullo organizará unha cena benéfica para recadar fondos para a asociación.
A xornada de portas abertas, que se desenvolverá en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, ten como obxectivo dar a coñecer a labor que se fai na canceira e o programa de adopción de mascotas. Ademais ten unha vertente solidaria cun mercado e a recollida de achegas de penso para alimentar aos animais acollidos. Haberá tamén visitas guiadas e xogos para os máis pequenos.
A cena benéfica do 28 de xullo será ás 22.30 horas no restaurante La Brisa (Lourido) e ten un custe de 30 euros. As persoas interesadas en participar poden retirar as invitacións ata o 23 de xullo.
Relacionadas:
-
Paloma Castro asegura que "non haberá máis atrasos que comprometan a xestión do refuxio animal"
Por Redacción |
-
De cans abandonados a animais de axuda para persoas con TEA e con alzheimer
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os socialistas reclaman a construción dun novo refuxio para animais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os Palleiros denunciará ante o Seprona o caso da cadela tiroteada na Canicouva
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |
-
Amplo despregamento para rescatar unha cadela ferida atrapada nun sumidoiro na Canicouva
Por Natalia Puga |
-
O calendario 2018 de Os Palleiros busca rachar cos estereotipos sobre os cans potencialmente perigosos
Por Natalia Puga |