O BNG de Sanxenxo critica a "falta de seguridade xurídica" na aplicación da zona azul
Por Oskar Viéitez
O BNG de Sanxenxo critica a decisión do goberno municipal de ampliar o número de viais con zona azul ás rúas Constitución, Panadeira, Cesteiras e Viña da Fonte.
Os nacionalistas acolleron con "estupor" esta medida que o executivo local está a aplicar "sen garantía xurídica". Sinalan que é "abusivo" o número de rúas destinadas á zona azul sen ter en conta espazos reservados a residentes (zona verde) e que o grupo de goberno tampouco lle esté dando solucións ás persoas que traballan na vila de Sanxenxo e Portonovo con este tipo de medidas.
Nun comunicado o BNG di que é "unha verdadeira odisea atopar sitio onde aparcar, pois é totalmente inaceptable mover o vehículo cada 90 minutos se estás a realizar unha xornada laboral, a parte da nula información que atopan os usuarios sobre o funcionamento".
Engade que o control mediante foto crea unha indefensión ao propietario do vehículo que non ten mecanismos para xustificar a hora do aparcamento, ou si chegou a mover o vehículo e volveu aparcar no mesmo lugar ou un lugar próximo, que ao non estar enumeradas as prazas, pode dar lugar a erro.
O portavoz de BNG, David Otero, advertiu que a falta de regulación fai que as multas ou retiradas de vehículos nesas zonas abra campo á "arbitrariedade e discrecionalidade preocupante", creando unha "inseguridade xurídica manifesta" e rexeita o "abuso de autoridade" que, ao seu xuízo, supón esta medida.
Finalmente David Otero destaca que "o feito de que decaian de maneira acumulativa as reclamacións das multas ou retiradas de vehículo por falta de seguridade xurídica por carecer de unha ordenanza municipal, aseméllase bastante á prevaricación", mesmo pode provocar que o axente de policía local poida ser denunciado "por tratarse de unha multa nula de pleno dereito".