Veciños de Sanxenxo piden medidas ao Concello ante o "malestar e indefensión" que lles xera a zona azul
Por Redacción
A Plataforma Veciñal Sanxenxo, que preside Amanda Silva González, fixo público este mércores o "malestar e indefensión" de moitos residentes e traballadores do municipio e o "desconcerto" dos veraneantes ante a xestión da zona azul que acaba de ampliarse no centro da vila logo dun acordo entre o Concello e os comerciantes.
Os veciños critican a "desinformación" que sofren uns e outros ante unha xestión do estacionamiento regulado que consideran "nefasta". Ademais, aseguran que, analizando o problema, chegan á conclusión de que se está a "cometer unha ilegalidade" e a "limitar de forma fraudulenta o noso dereito de uso da vía pública".
Logo de formular estas críticas, os veciños esixen ao alcalde que se poñan os parquímetros ou os discos horarios para un control verídico, que se establezan zonas verdes acordes coas necesidades das persoas residentes, que se creen os aparcamentos públicos que se prometeron e que se poña en marcha unha tarxeta para residentes e traballadores.
A ampliación da zona azul é resultado unha reunión entre o alcalde, Telmo Martín, e a asociación Entretendas, pero a plataforma veciñal mantén que se trata de medidas "adoptadas e resoltas exclusivamente da man do alcalde e do seu grupo de goberno dun xeito cando menos dudoso".
Ao respecto, cuestionan que os policías locais e auxiliares realizan o traballo de controladores "dunha maneira nunca vista": Libreta en man apuntando matrículas para logo sancionar si exceden o tempo permitido, podéndose dar o caso que algún usuario tente cambiar o coche de lugar e remate aparcado no mesmo sitio ou dous metros por diante ou por detrás.
Os veciños tamén critican que non contan con zonas verdes para residentes, a pesar de que "son moi necesarias para os empadronados do núcleo urbano", pois moitos non teñen garaxe e vense nunha situación de "desamparo total", tendo que aparcar demasiado lonxe da súa vivenda ou deixándose medio salario en aparcamentos privados.
Respecto disto, engaden que o mesmo sucede cos traballadores, que teñen que estacionar literalmente fóra da vila, se atopan sitio, porque tampouco hai en Sanxenxo ningún aparcamento público nin nas aforas.