A man dereita de 'O Mulo' pide matizar a súa declaración no xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra viviu este xoves unha situación pouco habitual no marco do xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína incautados a bordo da pesqueiro 'Coral I' en xaneiro de 2015. Jaime Iván Bolados Geraldo, alcumado 'o chileno' e a quen a Fiscalía considera man dereita de Rafael Bugallo Piñeiro, 'O Mulo' nesta causa, pediu volver declarar para matizar cuestións do seu testemuño dado tan só dous días antes, o martes.
Este xoves a cuarta sesión do xuízo comezou co testemuño de Jaime Iván, que o martes recoñeceu que "la idea era delinquir, pero no había con quien delinquir" e que o coacusado Over Alberto Vence Córdoba contactou con el para pedirlle axuda cunha embarcación á deriva, pero 'O Mulo' negouse a participar na operación nin sequera chegaron a saber nunca que mercadoría había nese buque.
Este xoves, cando volveu declarar a petición da súa avogada, confirmou que si sabían que nesa embarcación á deriva, o 'Coral I' que se averió fronte ás costas de Cabo Verde, había cocaína e que tanto Over Alberto como o acusado José Gerardo Holguín Romeu, ambos da rama suramericana da organización desprazada a Galicia, insistiron moito en que se desprazasen mar dentro ata o buque para recoller a droga.
"No te vamos a ir, no podemos hacer este trabajo", asegura que lles dixeron tanto el como 'O Mulo' e que o seu presunto xefe non quería ir porque sería un rescate moi perigoso, xa que a embarcación levaba días á deriva e había moitas posibilidades de que xa estivese vixiada polas autoridades. De todos os xeitos, segundo matizou este xoves, si se abriu a porta para traballar con eles nunha operación de tráfico de drogas futura, de modo que se brindaron a axudarlles e facilitáronlles unha emisora de radio para contactar co 'Coral I' desde o alto de Armenteira.
Esta nova declaración chega un día despois da declaración do resto de procesados e de que José Gerardo Holguín Romeu, que recoñeceu os feitos xa o primeiro día do xuízo, achegase pelos e sinais dos contactos e xestións realizados con Jaime Iván e con Rafael Bugallo para axudar ao 'Coral I'.
A sesión do xuízo presentou este xoves unha imaxe diferente á das tres sesións anteriores, pois no banco sentaron tan só oito dos 17 acusados na causa. O resto, a tripulación do 'Coral I' foi dispensada polo tribunal da Sección Segunda da Audiencia para non asistir. Un deles tiña prevista unha operación de oftalmoloxía e o resto quedaron na prisión da Lama. Cabe lembrar que todos eles recoñeceron os feitos.
A vista oral continuou coa declaración do axente do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO) que instruíu o atestado no que se baseou a detención da rede de 'O Mulo' e esta causa xudicial. O policía relatou durante varias horas como foran os meses de investigacións previas e como chegaron á conclusión de que Rafael Bugallo e o resto de acusados "estaban preparando una operación de narcotráfico".
Os avogados instrutores comezaron este xuízo pedindo a nulidade da sonorización que realizou a Policía Nacional con orde xudicial na furgoneta na que se movía 'O Mulo' e o propio fiscal recoñeceu que pode non aterse á lei segundo a xurisprudencia existente xa no Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, de modo que o reto durante o resto da vista oral pasa por que o fiscal consiga soster a acusación igualmente sen ter en conta todo o que se escoitou a bordo do vehículo.
As partes céntranse en demostrar que todas as investigacións realizadas baséanse no que se escoitaba tras esa sonorización, pero o axente instrutor das dilixencias inistió en que se trata dunha "investigación basada en seguimientos y análisis de inteligencia" e, a preguntas da Fiscalía, non fixo ningunha referencia a esa sonorización. As defensas, na súa quenda, si insistiron niso, pero o policía restou importancia ao peso desas escoitas e mesmo o presidente do tribunal, Xosé Xoán Barreiro Prado, chamou a atención a algún dos letrados pola súa insistencia: "Non intente meter a sonorización".
O policía recoñeceu que durante as investigacións tardaron en recoñecer a 'O Mulo' porque ía sempre disfrazado con perrucas que logo se atoparon no rexistro do seu domicilio, de modo que "no relacionaron" esa noeva estética con "la imagen histórica de Don Rafael".
Finalmente, recoñecéronlle e acreditaron que tanto el como a súa rede acudían regularmente a unha nave en Cabana de Bergantiños na que logo comprobaron que estaban a reformar unha lancha e que "usaban muchas medidas de seguridad" como que el "el vehículo que usaba lo dejaba muy alejado de la zona" e outros acudían con vehículos alugados.
A esa nave "acudía gente muy vinculada al tráfico de drogas" e de todos os seguimentos realizados concluíron a súa relación co resto de acusados. Insistiu moito o axente en que os investigadores "llegamos a la nave única y exclusivamente a través de los seguimientos" e en que tamén por esta vía tiveron constancia de reunións en Madrid coa rama colombiana da organización.
Na súa declaración 'O Mulo' insistiu en que non poderían ir buscar a droga do 'Coral I' porque a lancha que estaban a reformar naquela nave non estaba preparada para saír ao mar. Fronte a estas afirmacións, e á insistencia das defensas nese argumento, o fiscal mostrou á sala varios vídeos nos que se ve como esa embarcación si navegaba.
Relacionadas:
-
O xuízo contra a rede de narcos de 'O Mulo' encara a recta final
Por Natalia Puga |
-
O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción |
-
A Policía ratifica que as vixilancias á rede de 'O Mulo' sosteñen as acusacións por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga |
-
A tripulación que levaba 1.245 quilos de coca para a rede de 'O Mulo' parapétase en que ía pescar
Por Natalia Puga |
-
A súa man dereita, sobre 'O Mulo': "Aunque seas delincuente, tienes que ser serio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |