O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción
Este martes, a sección segunda da Audiencia Provincial retomaba a vista oral no xuízo contra os acusados por un delito de tráfico de drogas relacionado cun alixo de 1.245 quilos de cocaína incautado no pesqueiro Coral I no mes de xaneiro de 2015. O valor da mercadoría alcanzaría os 59.354.613 euros no mercado ilícito, segundo o informe do fiscal.
Durante esta quinta sesión do xuízo que se desenvolve na sección segunda prestaron declaración tres axentes do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO), que participaron nas actividades de seguimento, vixilancia e detención dos 17 imputados, entre os que destaca Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido polo sobrenome de "O Mulo".
Os axentes relataron como o presunto líder da rede de narcotraficantes tentaba despistar aos axentes utilizando perrucas e bigotes postizos. Ademais, sinalaron que nalgúns dos vehículos que eran utilizados para trasladarse a encontros con outros integrantes da trama levaban os cristais tinguidos, dificultando a acción de control.
Explicaron que na nave das Grelas (Cabana de Bergantiños) na que presuntamente preparaban as lanchas para as descargas, varios dos acusados vestían monos de traballo e mantiñan unha actividade "reservada" no recinto, que contaba con dous cámaras de seguridade. Ao mesmo tempo, integrantes da rede como Ramos Alfonso dedicábanse a realizar labores de contravixiancia, segundo o testemuño dos efectivos do GRECO.
Un dos investigadores explicaba que na nave chegouse a modificar unha lancha rápida para facela pasar por un barco de pesca, tal e como puideron comprobar ao intervir a nave.
O traballo no operativo levou a continuar o seguimento de varios dos acusados máis aló da zona do Salnés e alertar a axentes en Madrid onde se estableceu a conexión cos colombianos que "necesitaban ao grupo galego" porque tiña embarcacións para trasladar a droga, segundo declaraban os membros do GRECO.
As declaracións nesta vista oral continuarán o vindeiro luns 21 ás 10.30 horas na Audiencia Provincial. O fiscal solicita nesta causa 336 anos de prisión para toda a rede liderada por O Mulo.
Relacionadas:
-
'O Mulo', condenado a once anos de prisión por un alixo de 1.245 quilos de cocaína incautado en alta mar
Por Redacción |
-
O xuízo contra a rede de narcos de 'O Mulo' encara a recta final
Por Natalia Puga |
-
A Policía ratifica que as vixilancias á rede de 'O Mulo' sosteñen as acusacións por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga |
-
A man dereita de 'O Mulo' pide matizar a súa declaración no xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína
Por Natalia Puga |
-
A tripulación que levaba 1.245 quilos de coca para a rede de 'O Mulo' parapétase en que ía pescar
Por Natalia Puga |
-
A súa man dereita, sobre 'O Mulo': "Aunque seas delincuente, tienes que ser serio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |