Extinguido o incendio que afectou tres naves no polígono industrial de Saiar
Por Redacción
O incendio que arrasou unha nave industrial e afectou outras dúas no polígono industrial de Caldas de Reis, en Saiar, quedou totalmente extinguido durante a tarde deste martes despois de horas de intenso traballo por parte dos servizos de emerxencia.
O lume declarouse pasadas as 0:00 horas da madrugada, segundo a alerta recibida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Despois de controlar a situación sufocando o lume, os bombeiros retiraron os cascotes e arrefriaron a zona antes de dar por concluída a incidencia, con apoio dos servizos de emerxencia.
Segundo os datos facilitados polo 112, ningunha persoa resultou ferida nin se produciron danos ambientais, aínda que o servizo de Gardacostas activou por precaución o Plan Camgal para evitar afectación ao río Umia. Neste sentido desde Protección Civil de Caldas indicaron que non se atoparon residuos no río nin tampouco na rede de rede de sumidoiros.
En total, sinalan empregáronse ata 80.000 litros de auga durante a intervención.
No operativo tomaron parte bombeiros do Salnés, Morrazo, Baixo Miño e Pontevedra, GES e Protección Civil de Caldas de Reis, A Estrada e Padrón, axentes da Garda Civil e a Policía Local e unha ambulancia do 061 que se desprazou ao lugar por precaución.